Ruta da Auga
Introducción
O Camiño da auga de Redondela correspóndese cun camiño accesorio á canle que transportaba auga desde o Encoro de Eiras (Concello de Fornelos de montes) para abastecer a cidade de Vigo. A condución da auga atravesa os concellos de Fornelos de Montes, Soutomaior, Pazos de Borbén e Redondela antes de chegar a Vigo. En Redondela percorre un total de 23 km, polas parroquias de Chapela, Trasmaño, Cedeira, Negros, Cabeiro, Vilar de Infesta, Saxamonde, Quintela e Reboreda.
Este roteiro ten un gran valor ecolóxico e natural e o seu percorrido amósanos infinidade de paisaxes: desde as terras de cultivo e núcleos poboados, ata zonas de bosque con distinta composición (piñeirais, carballeiras, eucaliptais e bosque ripícola asociado aos regatos)
Resulta ademais un mirador excepcional da ría de Vigo, desde o cal se obteñen unhas vistas privilexiadas da Enseada de San Szimón (Rede Natura, 2001), da Península do Morrazo, das Illas Cíes, dos concellos de Pazos de Borbén e Soutomaior...
Por ser un camiño asociado a unha tubaria de tan longo percorrido ten unha característica que o fai único: carece de pendentes, polo que pode ser empregado por persoas con mobilidade reducida.
Trátase dunha senda verde na que se realizaron plantacións de distintas especies autóctonas arbóreas e arbustivas, sinalizadas e dotadas de paneis interpretativos, con áreas de descanso e fontes en todo o seu percorrido, co fin de facilitar o seu goce.
Descargar folleto informativo
[800 KB]
Información Xeral
Mapa detallado de localización
[2 MB]
 |
Rota perfecta posto que é chan, entretida, con moi boas vistas e é imposible perderse. Chan, porque imos camiñar polo percorrido dunha tubaxe que forma parte da longuísima instalación que, desde o encoro de Eiras, traía a auga ata Seragua para abastecer Vigo, e dicimos “traía” xa que este tramo da rota quedou en desuso desde que hai uns anos fixeron un túnel baixo a Madroa para que a auga chegase a Seragua. Tamén chan porque este tramo ten un teórico 1% de inclinación para que a auga poida fluír.. Entretida, porque transcorre por unha zona de poboación rural, aspecto que sempre entretén os ollos, con casas tradicionais, leiras e cultivos.
É no seu inicio onde está máis urbanizada, motivo polo cal deberemos ir polas pistas de asfalto ou cemento; á medida que imos afastando da cidade, a contorna irá sendo máis natural, con zonas de fraga. De boas paisaxes, porque constitúe un balcón á ría na zona de Vigo, e despois, tras pasar Rande, de cara ao interior. Imposible perderse ata o punto de que, unha vez en Seragua, é moi doado facela sen as referencias de ningún texto ou guía. Non que estea sinalizada pero é que o feito de que siga unha tubaxe liñal, nunca sube nin baixa e sempre vai de fronte por pista ou camiño. Polo tanto, ante calquera dúbida, de fronte ao chan; se vas á dereita subindo ou á esquerda baixando, é que estás saíndo do camiño correcto e, por suposto, en caso de non saber, debe de preguntarse a algún veciño pola pista da traída.
Todas estas características e, sobre todo, a de que sexa chan, fana ideal para os que queren iniciarse nun mountain bike e as costas dos montes se lles fan aínda moi duras.
Pero ...como chega a tubaxe desde o encoro de Eiras a Seragua? Dividamos o percorrido da auga a Vigo en tramos:
1º TRAMO.
Desde o encoro, a tubaxe percorre o canón do río Oitaven ata que entra nun túnel en Pazos de Borbén; este tramo visitarémolo na próxima saída.
2º TRAMO.
Sae do túnel enriba de Redondela e, por unha pista moi clara, vai ata o Alto dos Valos, na estrada Redondela-Porriño; aquí buscaríamos a súa continuidade e chegaríamos á estrada que vai de Redondela ao aeroporto de Peinador. Este tramo non se inclúe no roteiro.
3º TRAMO.
É o que vai desde esta estrada e segue ata Seragua. Como xa indicamos anteriormente, trátase de seguir unha tubaxe, ou sexa, unha liña. Esta ruta, claro está, non é circular; o seu remate está a 13 km do seu inicio e se hai que pensar como regresar a casa, existen varias opcións:
- A recomendada. Non hai dúbida de que este percorrido vos gustará. A mellor opción é dar a volta e retornar a Seragua camiñando. Que ninguén pense que se vai aburrir e que isto supón repetir a ruta; comprobaredes que o feito de cambiar de sentido varíanos o ángulo de visión e, ás veces, o percorrido parece outro. Ademais, aforraremos camiñar 3,5 km por unha estrada para coller o autobús e logo, en Vigo, ter que volver a Seragua a coller o coche.
- Para volver en bus tamén hai varias posibilidades: unha delas sería chegar a unha parada que temos preto, subindo á dereita; alí para o autobús de VITRASA 28 (Negros – Berbés). Só sae os laborables ás 16h, os sábados ás 14h e domingos e festivos non hai. Confirmar horarios (www.vitrasa.es ou no tlf .986 291600)
Outras posibilidades serían: baixar a Redondela (3,5 km) para desde alí volver en bus a Vigo ou subir á dereita ata a estrada Vigo - aeroporto (3,5 km) e alí, á dereita temos unha parada de autobús urbano onde se pode coller o bus ao centro ou baixar preto da rúa Cantabria para recoller o coche.
- Se dispoñedes de varios coches, podedes deixar un ao remate da ruta; para iso hai que ir a Redondela, na rotonda que hai na entrada, subiremos pola N-555, en dirección ao aeroporto e, aos 3,4 km, ao pouco de pasar o cuartel que anuncia o remate da poboación de Santo Estevo de Negros, veremos á dereita unha pista asfaltada e, se reparamos nela, veremos nun lateral unha gran tubaxe de formigón, pois ben, aquí remata o roteiro e, por esta zona, haberá que deixar o coche.
A ruta paso a paso
De entre as opción comentadas, cremos que a mellor é a primeira.
Para iniciar a ruta hai que ir a Seragua, na rúa Cantabria, e iremos ben por detrás do Instituto do Calvario e cara ao aeroporto; Atoparemos un cruzamento con semáforos virar á esquerda, ou ben desde a fonte de Fenosa na Travesía de Vigo, subindo pola rúa Cantabria chegaremos a Seragua. Aquí deixaremos o valado das instalacións á esquerda e subiremos pola rúa Vista do Mar. Rodeando o valado e, ao rematar este, hai unha pequena casa co nº 19, á esquerda baixa unha rampla cementada a dúas cores: este punto é o noso km 0.
-
0 – Comezamos, pois, a camiñar pola pista cementada e de dúas cores; xa sabedes, a partir de agora sempre de fronte.
-
470 – Estrada que atravesaremos seguindo de fronte (na parada de bus hai unha fonte)
Fixádevos aos 10 m á dereita e veredes por primeira vez a tubaxe de formigón.
Atoparemos dúas estradas que tamén atravesaremos.
1825 – Estrada de Teis ao Zoo; subiremos por ela 150m e deixarémola á esquerda pola cementada.
-
760 – Estrada. Atravesámola e agora a pista será de terra; máis adiante cruzaremos dúas estradas máis.
-
740 – Pequena estrada; imos de fronte entrando nun bonito camiño cara á fraga; aos 200m á dereita buscaremos a fonte.
-
615 – Estrada. Atravesámola; aquí vemos un transformador eléctrico. Ao chegar á casa nº27, de nome “A Fraga”, reparade na casa de enfronte e veredes dúas sobreiras e un ceador. Máis adiante cruzaremos un regato.
-
1855 - (km 6635) Despois de ter pasado un portalón, chegamos a unha estrada que é a que sobe ao convento de Trasmañó; atravesarémola e seguiremos polo asfalto, contemplando a Ponte de Rande.
-
800 – Vemos que o asfalto remata e que descende unha pista cementada onde se atopa unha casa; continuamos de fronte polo camiño chan de terra e pegados a ela; agora a nosa vista dirixirase cara ao interior da ría.
-
2685 – Estrada. Imos á esquerda; fixádevos en que a tubaxe se ve polo interior do lugar da casa; pois en, para poder seguir co percorrido subiremos de fronte, deixando o muro desta, a man esquerda. Aos 190m e antes de que a pista ascenda, vemos, á dereita, un caseto; xusto aquí deixamos a pista, meténdonos por un carreiro á esquerda que case nin se ve e pasa entre as mimosas coma se fose un túnel; ao saír ao camiño de abaixo imos á dereita.
Se este tramo tivese algún problema, no caseto poderíamos subir e na bifurcación seguinte baixaríamos á esquerda.
-
1070 – (km 10820) Encrucillada de pistas. Como xa é sabido, imos de fronte.
-
650 – Vemos á dereita, baixo os cables do tendido eléctrico, un gran caseto onde poderemos escoitar o ruído da auga; neste sitio, a auga chega do outro lado do monte á esquerda, por enriba da estrada dos Valos, que miraremos ao fondo e, ao chegar aquí é bombeada polo túnel da Madroa ata Seragua. Fixádevos aos poucos metros da caseta á dereita, está a tubaxe vella.
-
400 – Estrada Redondela – Aeroporto. Fin da ruta.
Ao chegarmos a este punto, poderíamos seguir polo segundo tramo do percorrido da tubaxe que non se recolle no roteiro

|