Inicio | Mapa Web | Buzón de Sugerencias galego<vacío>castellano

Domingo 05 de Septiembre de 2010


A danza das Espadas e as Penlas

por Remedios Alló



 

A Danza das Espadas: Compoñentes



Como o seu nome indica, trátase dunha danza, integrada por 25 homes ( a formación actual é de 21 rapaces ):

1 MESTRE.
4 RABELAS ( ou Rabelos.)
4 GUÍAS ( ou Primeiros )
16 DANZANTES ( ou Espadas ) (A formación actual 12 danzantes )

Hai que engadir ademais:

2 BURRAS ( Mulleres que bailan ó son da gaita, portando sobre os seus ombreiros as
Penlas )
2 PENLAS ( Nenas de 4-5 anos que van enriba das Burras. )
1 GAITEIRO.
1 TAMBORILEIRO.

O Baile



Antigamente os seus integrantes pertencían ó gremio del mar, como establecían as normas, pero máis tarde, ó perderes forza na vila as actividades mariñeiras, formaron
parte del persoas de outras actividades. Actualmente son rapaces novos, maioritariamente estudantes.

Estes rapaces, dirixidos polo MESTRE E GUÍAS executan ó son da gaita e do tamboril unha serie de figuras coreográficas “pasos” ante ó Santísimo Sacramento e a Virxe “A Gabacha”.
Os danzantes van en 4 filas, emparellados de 2 en 2 a esquerda e dereita, guiados polo MESTRE que va ó fronte. O MESTRE leva collidas as puntas das espadas dos Primeiros ou GUÍAS de cada liña, ou dous en cada man; e os individuos de cada unha destas collen respectivamente as dos demais compañeiros; agás os catro últimos chamados RABELAS, quedando así un conxunto atado e simétrico. Algúns dos pasos deixaron de bailarse, incorporándose outros que alcanzaron moita vistosidade.
A melodía da danza, tocada cunha gaita e un tamboril, pode remontarse, con lixeiras modificacións ó século XVI e a súa duración e aproximadamente de 20 minutos.
Actualmente executan a danza entre 12 e 15 minutos.

A DANZA DE ESPADAS DE REDONDELA É A MÁIS PURA DE CANTAS SE BAILAN EN GALICIA, E A ÚNICA QUE MANTIVO UNHA CONTINUIDADE CASI ININTERRUMPIDA DENDE A CITADA CENTURIA.

As Figuras



Os pasos actuais son os seguintes:
Colocadas as catro filas ( con 5 rapaces en cada fila ) diante do Santísimo, co Mestre diante de todo e no medio dos 2 Guías centrais.

3 REVERENCIAS Ó SANTÍSIMO:
O Son da gaita os danzantes guiados polo Mestre e polos 4 Guías desde adiante, e dos 4 RABELAS desde atrás fan 3 reverencias ó Santísimo.

PASE LISO.
É un paso sinxelo, na posición inicial das 4 filas.

PASE EN CADEA.
É un pase donde os danzantes fan cadea, ou zig-zag entre eles.

CAMIÑO DE SANTIAGO.
As 4 filas iniciais fanse 2; facéndose así máis longas e semellando un camiño.

OITO.
Os danzantes fan a forma dun oito.

ESTRELA.
Esta figura é moi espectacular, das 4 filas, cada unha sae para un lado distinto formando as catro puntas da estrela.
Durante esta figura é cando o Mestre sae a bailar el só: primeiro faille unha reverencia ó Santísimo, despois a Virxe (A Gabacha), e por último báilalle ás burras e as penlas.

AMAPOLA.
Da estrela pasan a facer a amapola, onde unha fila forma o taio da amapola e as outras tres fanse círculos formando así os tres pétalos da amapola, ademais dentro dos tres pétalos rodean: nun a unha burra coa penla, noutro a outra burra coa súa penla e no terceiro pétalo ó gaiteiro e ó tamborileiro.
Esta figura, xunto coa seguinte é a máis complicada xa que de unha pasan a outra directamente sen pasar pola posición inicial.

ÁNCORA
Como xa dixemos, faise directamente da amapola, o taio da amapola queda como a parte central da áncora, e os pétalos da amapola, pasan a ser a forma triangular da parte baixa dunha áncora.

R (erre)
Os rapaces fan a forma da “R” de Redondela.

VOLTA ARREDOR DA PRAZA.
A Danza remata cunha volta ó redor de toda a praza por parte dos danzantes.

Subliñar que, agás nas 3 reverencias ó Santísimo, pase liso, estrela e volta arredor da praza; en tódalas demais figuras os danzantes fan sempre cadeneta, ou sexa, zig-zag entre eles, e ademais levan as espadas no alto.
Nas catro figuras que nomeei, os rapaces van abaixo e coas espadas abaixo.

Polo que respecta ás Burras e as Penlas bailaban dentro e fóra do grupo da Danza, comezando polo saúdo á Virxe que facía a segunda penla, separándose do seu lugar que era entre os últimos danzantes, e seguíndoa a primeira, que o seu sitio era á cabeza da danza, detrás do mestre. Dirixían saúdos ó Santísimo, facían soa-los asubíos, movían os brazos e o corpo constantemente e botaban flores; todo dentro dos movementos xerais que as Burras lles imprimían en combinación coas figuras da Danza.
A coreografía, en liñas xerais, segue sendo a de sempre, formando as Burras e as Penlas un único conxunto coa Danza das Espadas.
O mesmo que os danzantes, bailan ó son da gaita e do tamboril, e das castañolas que tanxen os segundos.







Arriba