Vestimenta:As Penlas e as Burras
Antano | Non sabemos cómo serían os vestidos das PENLAS nin a súa actuación hai varios séculos, ata puidera que nun principio fosen tamén nenos, pero dende que hai documentación sempre figuran como femininas.
Unha das descricións máis antigas é a do ilustre redondelán Castro Sampedro:
Conta que eran nenas de sete a once anos. O seu vestido consistía nun gorro suxeito cunha fita de seda e enfeitado con outras en sentido vertical de diferentes cores, rizadas e pregadas, que pendían da parte alta do gorro, nos lados e o fronte de este levaban catro cadriños de mosaico. Lucían pendentes de ouro, prata sobredourada e colares cunha cruz ou simples aderezos. O corpo era unha cotiña de tisú de ouro con faixas de suxeición sobre os ombreiros. A saia longa e branca pola mañá, encarnada pola tarde.
A esquerda e colgando da cintura, unha especie de bolsiña suxeita por un cordón de seda; á dereita un pano fino francés que saía tamén pola cintura.
Nos brazos asomaban as mangas dunha camiseta , rematadas e cinguidas ó cóbado con muselina fina; nos pulsos outro pano pequeno de seda.
Soían levar un diminuto asubío de prata, e hai quen engade unha pequena espada, suxeitos á cintura; e sobre o peito, no seo da cotiña aballenada, rosas e outras flores.
Eran levadas na procesión e bailaban sobre os ombreiros dunhas mulleres chamadas BURRAS que as suxeitaban por medio duns ariños fortes atados á cintura da Penla; as Burras vestían mantelo e camisa rizada.
Hoxe en día |
A vestimenta foi a que sufriu máis trocos, primeiro a BURRA tradicional do S. XIX, levaba mantelo e camisa rizada, despois, na primeira metade do S.XX, cambiaron por unha saia longa e blusa de manga longa, e por riba da saia un mandil da mesma cor e do mesmo longo que a saia. A blusa e a saia levan entredous, vainicas e lorzas; pano na cabeza, todos os compoñentes do traxe son de lino; nas pernas levan medias caladas e zapatillas de esparto. Na segunda metade do S.XX, as burras levaban simplemente unha especie de bata de enfermeira branca, por riba da súa roupa. Sempre levaban e levan na actualidade un pano ou toalla polo ombreiros no que apoiarán os pés as penlas. Actualmente, concretamente no Corpus do ano 2004, volveron a recuperar o traxe da segunda metade do S. XX, posto que é moito máis fermoso.
As Penlas, actualmente van vestidas de branco, cunhas pequenas ás de plumas ao lombo, semellantes as dos anxiños. O peiteado consta dun recollido moi tirante con moño, e ó redor unha coroíña ou guirnalda de frores brancas, tamén levan unhas cintas atadas nas muñecas. A saia das nenas non debe pasar dos xeonllos para que así poidan lucir os pololos.
Os Danzantes
Non sabemos que roupa usaban para a danza antes do S. XIX , pero non deberon ser moi diferentes das actuais, probablemente as mesmas roupas mariñeiras, tampouco as cores pero seguramente predominarían as cores craras.
No século XIX os danzantes vestían pantalón e chaleco brancos, igual que a camisa, e pano anudado ó pescozo. Calzaban zapatos ou alpargatas, segundo testemuñas locais, anque nos inclinamos polos segundos por ser máis adecuado a esta actividade.
Completábase o vestiario con faixa á cintura, de malla de rede de varias cores, con nó a esquerda e flecos caendo hasta os xeonllos e banda ou faxín de esquerda á dereita de cor vermella ou morada, menos o mestre que levaba dúas bandas cruzadas sobre o peito.
Durante case todo o século XX deixaron de usar o pano ó pescozo, pero voltárono a recuperar nos anos 80, perdéndose en cambio nese século o uso do chaleco.
Antano usaban espadas auténticas e antigas que se gardaban no Concello, suxeitas cunhas cintas ás monecas e levando nas mans cadanseu par de castañolas, pero para evitar a posible gravidade de ferirse con elas, na primeira metade do S. XIX acordouse sustituir as espadas de aceiro por outras de madeira pintadas que son as que se usan na actualidade. Co fin de facilitar os movementos, hoxe levan as espadas suxeitas ó pulso con unha cordiña, para que lles queden as mans ceibas e poder así facer soar as castañolas. Estas eran de madeira, moi curiosas, labradas en forma de concha de vieira coas súas estrías.
Hasta 1969, aínda compuñan a Danza algúns mariñeiros, xunto con obreiros mozos e doutras profesións. Pero nese ano, diferencias co Concello a causa das retribucións, provocaron que este aceptara o ofrecemento dos integrantes do grupo mixto de coros e danzas da Sección Feminina de Redondela para executala.
Así, por vez primeira, as mulleres participaron nesta emblemática danza incorporando unha ampla saia ó vestiario, con un típico pano de cabeza de cor usado como banda cruzada sobre a blusa.
Actualmente só bailan homes e o vestiario é o tradicional, pero sen o chaleco.
Mantense a faixa co nó á esquerda, caendo as puntas ata a altura dos xeonllos:
COR VERMELLA para os DANZANTES DE FILA
COR AZUL para os 4 RABELAS encargados de levar o peso da coreografía, e que se sitúan atrás.
COR VERDE para o MESTRE ou XEFE
En todos os casos sobre o vestiario branco.
Cada un dos danzantes leva unha ESPADA, agás o mestre, que debido a seu cometido de levar o grupo non a necesita. Igualmente entrégase un par de castañolas para cada un, excepto para os GUÍAS, que só levan unha debido a que determinadas figuras non lles permiten o libre movemento das mans.
Actualmente perdéronse as dúas bandas cruzadas do Mestre.

|