As Penlas:
A Orixe e o Nome
O mesmo que sucede coa Coca, a orixe das Penlas perdese na noite escura dos séculos. ¿Xurdirían cando a festa do Corpus, despois de 1264, pois a procesión foi establecida en 1317? ¿Seríao antes?... Polo de agora non se dispón dos suficientes datos como para poder responder a estas preguntas ou a outras semellantes que nós poidamos plantexar.
Se nos cinguimos a Redondela e nos mergullamos no eido dos mitos e das lendas, atopámonos con que estas tres manifestacións do CORPUS, tiveron unha orixe común:
Hai moitos séculos, tantos que xa non queda nada escrito, vivía na ría, preto de Redondela, un dragón que, de cando en vez, viña deica a vila para levar unha moza a súa cova.Así o fixo varias veces, ata que os mozos mariñeiros armáronse de coraxe e un día acordaron encararse co monstro. Así o fixeron e despois de dura loita saíron victoriosos. Xa vencido trouxérono para o pobo, ó mesmo tempo que ceivaron as mozas que tiña na cova.
Foi aquí, en Redondela, despois de que o dragón dera as derradeiras boquexadas, cando os mesmos valentes mozos colléndose as espadas uns os outros, empezaron a bailar arredor do monstro morto.Así naceu a DANZA DAS ESPADAS. Pero non rematou ahí a festa, pois dúas das mozas que levara a fera e que se salvaran gracias á intercesión dos mariñeiros, puxeron enriba dos ombreiros cadansúa nena e, de ledicia, botáronse a danzar con elas.Así contan que naceron as PENLAS.
Deste xeito tan fermoso, pero totalmente fantástico, os amigos redondeláns contan que xurdiron estas tres seculares manifestacións.
Penlas en Redondela
Polo que se refire ó nome, aínda non se puxeron dacordo os filólogos. Parece ser que o máis probable é que Penla, veña do étimo latino “Puella”, nena ou doncela. Anque non fallan os que tendo en conta de que se trata de nenas leviáns, compáranas coas plumas, entón a orixe etimolóxica estaría en Penna, e en particular no diminutivo Pennula.
Pouco se sabe da historia das Penlas redondelás, tan só que por causas inexplicables (anque non hai dúbida que o grande cariño que sempre sentiron os veciños foi o máis importante), chegaron ata os nosos días sen sufrir grandes trocos, a non ser, no que se refire a indumentaria.
Actúan cos danzantes das espadas, formando un único conxunto coreográfico, anque coidamos que isto non tivo por qué ser sempre así.

|